"Escusas" a propósito do peche da Fábrica de Armas

02 Xul 2013

A propósito do ERE extintivo que General Dynamics aplicou na Fábrica de Armas da A Coruña a xente do Espazo Aberto Antimilitar vos deixamos cun texto que leva por título "ESCUSAS".

“Na medida en que a megamáquina foi legada ás civilizacións posteriores, foi a súa forma negativa, a da máquina militar, ben adestrada, estandarizada e dividida en partes especializadas, a que asegurou a súa continuidade”

Reaccións contra a megamáquina, Lewis Mumford

A escusa e o recorrente uso que se lle dá segundo o momento e o lugar vén de lonxe. Poderiamos, incluso, falar de algo común por estendido. É, ao cabo, unha forma como tantas outras de escorrer o vulto. De aí que ninguén sexa alleo a este recurso, tampouco o medio obreiro. Aínda máis, unha lixeira aproximación á súa historia confirmaría o dito sen maiores esforzos. E o seu presente, con todas as súas miserias, non é moito máis alentador.

Unicamente limitarémonos a sinalar un exemplo: a man de obra na industria militar. Convencidos dos seus propios embustes, a forza de repetilos, estes asalariados apelan ao dereito ao traballo como se lles fose mesmo a vida. E é que a cuestión do traballo nas sociedades modernas ocupa un lugar á parte no catálogo de ameazas do noso tempo. Diriamos que ocupa un lugar propio por relevante. Desta sorte o mal que cura todos os males irrompe en escena no momento preciso, a saber, en medio dunha crise que se quere económica por non saberse definir mellor.

O Estado español ocupa o posto número sete no ranking mundial de vendedores de armas, con medio milleiro de centros de traballo que agrupan a máis de trinta mil empregados directos e un número sen determinar indirectos, que no seu conxunto constitúen un sector produtivo diferenciado: o chamado complexo industrial militar. Non obstante, a outrora coñecida por industria de guerra vive momentos convulsos. Atrapada entre dous fogos, dun lado a política económica dun goberno en descomposición obcecado en adelgazar o aparello público facendo caixa, posibilita, de paso, poñer en valor unha reforma laboral pensada para un marco como o actual de atomización xeneralizada; do outro a necesidade urxente dos asalariados por manter o seu estilo de vida sen maiores sobresaltos. Un estilo, non o esquezamos, que se substancia no confort, a promoción social e o consumismo. Na contenda por gañar o favor das xentes do común todo parece cobrar sentido.

A decisión de General Dynamics de aplicar un ERE extintivo na Fábrica de Armas da Coruña, aboca ao peche definitivo do centro de traballo, ao tempo que deixa aberta a porta a unha futura operación especulativa cos terreos de titularidade pública. Á súa vez, o Comité de Empresa –CIG e UGT- inclínase pola reconversión da actividade co ollo posto na industria civil, ben no ámbito da nanotecnoloxía ben no ámbito aeroespacial. Actividades, por outra parte, que non son en absoluto alleas ao asunto que nos ocupa, senón todo o contrario. A emerxencia do momento non basta para ocultar unha manobra de distracción que se manexa nas marxes da ambigüidade e ten por obxecto facer pasar de contrabando a idea de permanecer no tempo a todo transo.

Por todas partes a defensa dos privilexios individuais e dos intereses particulares fan causa común, incluso o corporativismo máis extremo. Así o éxito do desencontro radica máis no falso antagonismo entre as partes implicadas –na súa simulación- que nun episodio de baixa intensidade da loita de clases. De aí que nada vaia a máis, aínda que tampouco a menos. Esa era a condición primeira, que nada acontecese. A pobre argumentación duns e doutros non é senón o mellor reflexo dunha contrariedade moi do gusto da nosa época: a imposibilidade de enunciar a natureza real das cousas a risco de quedar en evidencia.

En calquera caso o perigo máis grave na altura é a tolerancia dos nosos contemporáneos aos excesos da economía. Unha tolerancia cuxo mérito principal reside na aceptación cega da mentira necesaria. O deterioro da conciencia do que somos cun único propósito: tratar de revelar aqueles aspectos da súa verdade que lle sexan máis útiles. Con todo, maila os progresos alcanzados en dita materia, esta imaxe sucumbe fronte á realidade dos feitos. Non por menor unha falsidade deixa de sela. E aínda que nada do referido sexa de interese xeral, o cuestionamento do complexo industrial militar, así como tamén da organización social que o fai posíbel, supoñen un principio para facer da vida un proxecto de resistencia pero tamén de emancipación.

Tags: